O Hospital de San Roque de Ourense, fundado polo Bispo Fray Francisco Blanco, construíuse na segunda metade do século XVI (anos 1561-1562) na Horta do Concello, sobre a base do que puido ser a ermida de San Roque, ocupando o solar no que agora está asentado o edificio de Correos.
Fíxose para substituir e centralizar os oito pequenos hospitais que existían na cidade
-máis propios da Idade Media- que servían de albergue para pobres, pelegríns e enfermos . Eran moitos para unha cidade tan pequena (entón tiña ó redor de dous mil habitantes) e o Bispo, con bo tino, acordou co Concello fundar este novo hospital adicado a San Sebastián e San Roque.
Seis deses pequenos hospitais –a maioría en estado ruinoso- vendéronse para axudar a custear os gastos da construcción do novo, mentras que outros dous (o de San Lázaro e o da Trinidade) seguiron funcionando algún tempo máis.
Este hospital foi concebido xa coma un centro de curación, coma un hospital xeral con funcións pouco especializadas, no que se atendía a doentes de calquer nacionalidade, preferentemente pobres, ós que tamén lles prestaba atención espiritual.
Era un edificio de dúas plantas que tiña un patio central; na planta baixa, xusto fronte a entrada, estaba a capela. Tamén tiña cemiterio e unha horta amurallada que chegaba ata o río Barbaña; cultibábase a terra e criábanse animais para alimentar ós doentes e ó persoal do hospital.
Segundo conta Olga Gallego no seu artigo “ Hospitales de la provincia de Orense” , publicado no Boletín Auriense (Museo Arqueolóxico Provincial), o Hospital de San Roque tiña nos seus primeiros anos, catro enfermerías moi longas e outras salas e comedores espaciosos, onde podían acollerse máis de cincocentos enfermos. En 1843 (xa convertido en Hospital Provincial) tiña dúas enfermerías principais e outras cinco máis pequenas que sumaban en total oitenta camas, e ademais tiña cuarto da inclusa, cociña, adega e outras dependencias accesorias.
A administración do hospital estivo case sempre nas mans dos bispos, e só nun curto periodo de tempo no século XVII (pouco máis de trinta anos), deixárono a cargo da Congregación do Venerable Bernardino de Obregón .
Rexíase por unhas Constitucións que fixo e ordenou o Bispo Don Baltasar de los Reyes, no ano 1671, que seguiron vixentes, aínda que con algunhas modificacións, ata 1851. Na súa constitución 8ª dise: “Nas dúas cortes que ten o hospital ha de haber vinte e catro leitos, doce para homes e doce para mulleres. Os seus dependentes son un capelán, un médico, un cirurxán, unha enfermeira e un administrador co seu servente” .
Nos primeiros tempos, atendía ós doentes da cidade e de catorce leguas arredor, ata 1843 que pasou a ser Hospital Provincial.
Dende finales do século XVII no que o Cardenal Quevedo asinou un contrato coa Real Facenda, o Hospital de San Roque atendía tamén a militares enfermos, cobrando por cada un seis reais e medio, máis gastos de botica, pero a cuota rebaixouse poucos anos despois (en 1829 só pagaban cinco reais, incluindo tódolos gastos).
En 1838 o hospital seguía atendendo ós enfermos pobres, aínda que agora poñía condicións, “ sempre que non padeceran males crónicos ou enfermidades venéreas” , e tamén atendía ós militares.
Os doentes ricos -por razóns evidentes- non ían nunca ós hospitais. Visitábanos os doutores nas súas casas; alí pasaban a convalecencia e alí lles aplicaban calquer tratamento.
Aínda que o número de doentes variou moito dunhas épocas a outras, a cantidade de persoas que traballaban no hospital foi casi sempre a mesma: en 1752 só aparece un cambio con respecto a 1671, hai unha criada no lugar do servente ; en 1787 hai ademais un sangrador. En 1838 si que aparecen outros empregados (un practicante, un cabo de sala, un escribente e un cociñeiro), mentras que desaparece o sangrador.
Nos primeiros tempos, houbo xente rica e particulares con poucos recursos que deixaron os seus bens para a construcción e o sustento do hospital, tamén se mantiña da caridade e o Bispo e o Cabildo debían contribuir para o seu mantemento. Pero os recursos sempre foron escasos e moitas veces mal administrados, polo que houbo tempos nos que os doentes pasaban fame e non eran atendidos nin nas súas necesidades máis básicas, tempos nos que o hospital parecía abandoado e nun estado ruinoso.
As grandes trasformacións socias e económicas de finales do século XVIII e da primeira metade do XIX, motivaron tamén unha disminución das rendas destinadas ós hospitais. A concepción da caridade coma medio de asistencia social, deu paso a de beneficencia pública e naceron as Xuntas de Beneficencia provinciais.
No ano 1841 fíxose cargo do Hospital de San Roque a Xunta Municipal de Beneficencia e no ano 1843, converteuno en Hospital Provincial . Pouco despois, en 1856, trasladouno a outro edificio máis grande, na Praza das Mercedes, onde tamén quedou ubicada a Inclusa. No vello edificio instalouse un tempo a Deputación Provincial; despois ocupárono o Hospicio, a Escola Normal, a Cociña Económica, a Comisión Mixta de Reclutamento, o Círculo Católico de Obreiros...
En 1927 estaba xa abandoado e en ruinas; antes do seu derrube, trasladaron a portada ó atrio da Igrexa da Santísima Trinidade, onde o podemos contemplar hoxe. Isto é, ademais dalgunhas pezas ornamentais da capela, o único que se conserva do antigo Hospital de San Roque.