Volume 8 Número 3 Ano 2009
Autor:Mª Elena González Iglesias
SERGIO “O CABALLERO”
Autor: Mª Elena González Iglesias
Galego
Sergio sempre foi un home mañoso e un veciño disposto a votarche unha man, deses que igual che arranxan un aparello de radio, unha bicicleta ou un motor de auga. E tamén é desas persoas acostumadas a loitar, con moita forza interior, con moitas ganas de seguir cara adiante, empeñado en ver o lado positivo das cousas, da vida…

Coma outros moitos galegos, emigrou cara a Europa na súa mocidade. Foise a Francia en setembro do ano 1958, sen contrato de traballo e deixando en Seixalbo súa muller e seu fillo que tiña algo máis dun ano.
Fai clic para agrandar...


O primeiro contrato que atopou foi na terra, de labrego. Pouco despois, empezou a facer traballos de electricista, por horas e nos fins de semana -ese era o seu traballo en Ourense- ata que a situación lle permitiu levar á muller e ó fillo para Francia. Foi un deses traballos por horas o que lle axudou a conseguir un novo contrato nunha fábrica da casa “Simca”: Chamárono para arranxar a lavadora nunha casa, que casualmente era a do xefe local de policía e pola sua mediación conseguiu un novo permiso de traballo e a posibilidade de traballar nesa empresa.

Eses foron bos tempos, un traballo mellor, mellor soldo tamén… Ata que o 4 de maio do 63 tivo un accidente, unha mala caída que en principio pareceu pouca cousa pero uns meses máis tarde o deixaba sen poder camiñar, coa columna moi danada. Viñeron sete anos de dor, entre a cama e a cadeira de rodas, pasando por unha manchea de hospitais e cunha recuperación lenta; só o seu empeño posibilitou que volvera a camiñar. Despois volveu a España e aínda traballou un tempo nos Cercanías.
Fai clic para agrandar...


Agora que o paso dos anos lle trouxo outras doenzas, volveuse a resentir daquela vella lesión nas costas e xa non pode camiñar nin ir a pescar ao río, unha das súas últimas paixóns... Outro poderíase deixar abater, quedar sentado –nunca mellor dito- vendo como pasa todo. Pero buscou e encontrou un traballo, outra forma de entreter o tempo e de regalar aos outros, algo co que goza máis ca nada.

Un día, Maruja, a súa muller díxolle que precisaba cambiar a sua colonia para outro frasco pero non atopaba o xeito de facelo sen que se lle vertera todo por fóra... El decidiu facerlle un funil pequeniño, tan pequeniño que entrara na boca do frasco que tiña que encher... Fíxoo e a Maruja aínda o garda e o usa cando o precisa.
Fai clic para agrandar...


Despois foi sofisticando máis os traballos, reproducindo todos aqueles útiles que coñecía de sempre: tixolas, regadeiras, canadas, foles, olas, baldes es ata unha lavadora, que fixo cunha lata de pemento... Pero tamén fai casiñas, canastros, muíños de vento, e xa leva unhas cantas reproduccións da nosa capela da Santa Ádega.

No seu pequeno taller ten unha morea de ferramentas, latas, madeiras, pinturas... Agora quere facer a Igrexa de Seixalbo, precisa máis ferramentas e anda na sua procura.
Fai clic para agrandar...


Todo o que fai vai parar a mans da familia, dos amigos, dos nenos que pasan pola veira da casa e o ven traballando, da súa enfermeira do centro de saúde... Mesmo traballa por encargo (non recibe un peso pero atende os pedidos que lle fan os amigos e os nenos, cos que sempre se entendeu moi ben).
Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadass@gmail.com
alzia.net