Volume 1 Número 1 Ano 2004
Autor:M. Herminio Iglesias Vázquez
APROBOUSE O PERI DE SEIXALBO
Autor: M. Herminio Iglesias Vázquez
Galego
O PERI DE SEIXALBO: UN PASO ADIANTE

Despois de moitos atrancos e demoras inxustificadas o 30 de Xuño, nun pleno de urxencia, dado que concluía o tempo legal de validez do estudio realizado polo equipo técnico que coordinou o arquitecto D. César Portela, o Concello de Ourense aproba por unanimidade o Plan Especial de Protección e Reforma Interior de Seixalbo PEPRI. Coñecido popularmente como o Peri de Seixalbo.

Moito choveu dende a Asamblea realizada na casa rectoral en Maio de 1996, na que se puxo sobre a mesa esta reivindicación que emana da cualificación que de Seixalbo facía o Plan Xeral de Ordenación Urbana de 1986.

Lembrar os pasos dados para que o goberno do popular Manuel Cabezas recoñecera a obriga que tiña por lei de realizar o estudio, retrotraerme á recollida de sinaturas, a colocación de pancartas en dúas ocasións, ás continuas notas de prensa protestando pola tardanza, ás liortas dialécticas cos diversos concellais de urbanismo e co alcalde, á edición no Boletín Torrevella do Periconto no que se satirizaba ó goberno municipal, etc.

Un espacio urbano distinto


Posiblemente este non sexa o momento para a crítica nin para o reproche. Estamos diante unha nova etapa que esperamos sexa máis áxil e fructifera ca anterior; estamos diante a posibilidade de realizar un soño que pode converter a Seixalbo nun espacio urbano alternativo e sumamente distinto e complementario ó da urbe. Pero, para que isto sexa así é sumamente necesario que todos os veciños poxen na mesma dirección e os membros da Directiva de San Breixo asuman o papel máis activo e aberto cara os habitantes de Seixalbo e máis esixente co equipo de goberno municipal.

O paso que se deu coa aprobación obriga ó goberno do Concello a facer xestións políticas buscando a financiación económica para poñer en marcha a rehabilitacion das vivendas e a posta en marcha dos convenios, base para acadar os espacios públicos que precisa Seixalbo.

O Peri que se aprobou, ben xestionado, pode conservar este fermoso lugar e permitir un crecemento ordenado; pode ser a ferramenta necesaria para que, sen perder a personalidade urbana que identifica este lugar cheo de vida e de historia, medre harmoniosamente e corrixa aberracións e desatinos cometidos noutro momento.

Espero que os seixalbeses sexan conscientes das melloras que nos pode traer un Peri ben xestionado e se animen a seguir os consellos e normas urbanísticas que emanan deste documento tan importante para todos.

Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadass@gmail.com
alzia.net