Todos estes aspectos foron tomados en consideración pola Xunta Directiva de AGROMADAS sabedora de que as festas culturais cumplen perfectamente a dobre función lúdica e cultural que ó noso xuízo debe ter toda celebración deste tipo.
Como todo proxecto que nace ten un obxectivo claro: Reforzar a personalidade deste barrio dentro do Concello, avivar a memoria histórica e plantexar un modelo de festa sumamente participativo, pois pretendemnos que os veciños sexan os principais actores da mesma.
SEIXALBO VILA E COUTO DO BISPADO
Dende o ano 886 no que Alfonso III o Magno doa o chamado Couto Vello de Ourense , no que está incluído Seixalbo, ao Bispo, para que este exerza os dereitos forais, os veciños deste lugar seguen pagando as chamadas Rendas ou Foros ás autoridades relixiosas, ate a resolución do xuízo celebrado en Madrid a mediados do século dezanove (1859).
"Cincocentos moios eran
de bo viño do lugar
para manter ao Señor Cura
e á Curia Episcopal.
Son privilexios antergos
de tempos inmemoriais
datan de Alfonso III
e veñen de moi alá.
¡Quen se atreve!
¡Quen se enfronta!
¡Quen fala de eximición!.
Poucos valedores hai
O forte a xustiza impón."
O FORO
O foro é un vínculo que obriga ó titular da terra aforada a unha relación económica co señor dono do privilexio, neste caso, encarnado na figura do Bispo e do Cabildo da Catedral de Ourense. Esta relación estaba avalada documentalmente, onde se expoñía o que tiña que pagar en especie ou en cartos ó titular do señorío en función da calidade da terra e da súa extensión.
Esta relación económica, que vén da Idade Media, ten unha serie de características que obrigan ós labregos a plantar as especies que considere o bispado.
En Seixalbo, o foro pagábase fundamentalmente en viño branco ou tinto. Tamén existía unha cláusula que se chamaba luctuosa que consistía no seguinte: ó morrer o titular das terras aforadas o Cabildo podía quedarse coa especie que considarara mellor, cabeza de gando ou outro ben, en concepto de transmisións do Foro.
A ANEXIÓN AO CONCELLO DE OURENSE E O XUÍZO
Nin que dicir ten que esta relación foral sempre estivo chea de pugnas entre o Cabildo e os veciños de Seixalbo. O primeiro sempre quería cobrar axiña e en boa especie, e os veciños sempre andaban a facer o remolón á hora do pago, argumentado malas colleitas. Neste senso é importante subliñar a laboura do Cabezoleiro persoeiro que se encargaba de recaudar as especies que se depositaban nas Tenencias. En Seixalbo había unha, e en Zaín outra.
Debido ós afáns expansionistas dos concellos e ós decretos liberalizadores dos gobernos progresistas que trataban de poñer en producción as terras mortas, termo empregado con aquelas terras que non pagaban impostos, como as da Igrexa, ou non producían, o Concello de Ourense no ano de 1841 decide unilateralmente anexionar Seixalbo. Tratábase de aumentar o espacio xeográfico e tamén o número de contribuíntes ao ente municipal, pois pensemos que o Concello de Ourense só era dende o Miño ate Mariñamansa, e coa anexión de Seixalbo, chegaría ata o Cumial.
Aprobada esta anexión o Concello ponlle impostos aos veciños que ven gravada a súa precaria economía, pois, por un lado, páganlle ó Cabildo 500 moios de viño anualmente e polo outro, de agora en diante hai que pagarlle impostos ó ente municipal.
Isto leva a unha serie de disputas económicas contra o Concello que remata nunha Acta de anexión e co pleito contra o Cabildo da Catedral
Vinte anos de pleito
Tentando rematar con esta carga, e debido á duplicidade de impostos froito da anexión ó Concello de Ourense , no ano de 1839 un grupo de 133 veciños , un por familia, deciden presentar un pleito na Audiencia Provincial de Ourense, a cal, pasado un tempo, declárase incompetente para resolvelo. O pleito pasa á Coruña e despois de moitas idas e voltas remata en Madrid, no mes de Xullo de 1859, eximindo do pago das rendas ós veciños de Seixalbo.
A documentación atopada nos diferentes arquivos, e a memoria popular transmitida de xeneración en xeneración falan dunha gran festa en Seixalbo, onde o avogado Placeres Feijóo, liberal de Allariz, que levou o pleito na ultima etapa, e Fernando Freire Carril son tratados como verdadeiros liberadores da carga imposta e que secularmente soportaban.
Diversos documentos atopados indican que o verdadeiro motor deste xuízo foi Fernando Freire Carril quen chegou a vender terras para manter o pleito cando xa os demais demandantes se daban por vencidos, dado que o custe económico para mantelo era insoportable para todos.
Rematado o xuízo, Seixalbo perde o rango de Vila e Couto. Xa non se nomean polo Bispado os cargos de Xuíz, Ecribano e Procurador, e prodúcese a integración total no Concello de Ourense.
Fernando Freire Carril
Fernando Freire carril naceu en Congostro de Limia, concello de Rairiz de Veiga; veu para Seixalbo e casou coa filla do último xuíz que houbo no lugar. Logo de acadar unha importante cantidade de terras, inicia, xunto con outras familias, o pleito contra os foros do que sería o principal impulsor. O custo e a tardanza da resolución do pleito e as intrigas sementadas polos membros do Cabildo da Catedral, merman a capacidade reivindicativa e deixan so a Fernando. El, coa súa teimosía, mantén un litixio que xa todos daban por perdido. O seu tesón e a súa incorruptibilidade fixéronno acreedor da fama do mellor valedor que tivo Seixalbo neses tempos.
Despois de tres matrimonios, morreu no ano de 1890 e foi enterrado nun sartego de pedra, seguido dunha comitiva de 22 curas e unha banda de música custeada popularmente. Os seus restos están no noso cemiterio parroquial.
PROGRAMA DE ACTIVIDADES PREVISTAS