Volume 7 Número 2 Ano 2007
Autor:M. Herminio Iglesias Vázquez
A II FESTA DA EXIMICIÓN DOS FOROS
Autor: M. Herminio Iglesias Vázquez
Galego
A segunda edición da festa da Eximición dos Foros en Seixalbo superou con creces as previsións feitas pola Directiva de Agromadas. Este rotundo éxito é para nós un aliciente importante, pois pon de manifesto, ao noso modo de entender, dúas razóns poderosas que marcarán a pauta no futuro desta festa.

A primeira está referida á raíz histórica que deu lugar a este evento. Pois sabido é que os Foros ou Rendas en Galicia foron motivo de importantes loitas e debates políticos que deron lugar a movementos chamados agraristas que a principios do século vinte se deron, para eliminar a carga que historicamente soportaban os labregos dende tempos inmemoriais.

Pensen os lectores que o debate nos anos 20 do século pasado, era: rendención ou eximición. E lembren tamén que, en Seixalbo, no ano 1859, os foros quedaron eximidos despois dun pleito de vinte anos que en Galiza tivo unha importante difusión. Igualmente lembren, que no resto de Galiza, os foros redimíronse totalmente a mediados do século XX.

A segunda vén a ser de carácter máis lúdico, o que nos leva a cuestionar o modelo de festas que a día de hoxe hai. Decibelios, macro escenarios, música arredada do noso sentir, música pregravada e, sobre todo, moito barullo e cativa participación da xente.

Pois ben, partindo destas premisas tan elementais, en Agromadas despois de revisar o pasado e rebuscar partindo da tradición oral, pensamos que demos no cravo. E que sen pretender entrar en competencia coas festas tradicionais que anualmente se fan, o modelo que lle propuxemos aos veciños tivo éxito, pois só pretendía dúas metas que nesta edición penso que se acadaron sobradamente:

a) Lembrar parte do noso pasado colectivo evocando aqueles feitos tan importantes. Pensemos que non é moi normal que 133 veciños se levanten en preito contra o Bispo e o Cabildo da catedral, pois tiñan que pagarlle á Igrexa anualmente a cantidade de 500 moios de viño.

b) Chamar á xente a participar activamente. E neste senso todo marchou sobre rodas, superando todas as nosas previsións. Houbo xente para cantar; houbo instrumentistas; houbo actores; e houbo xente para organizar a taberna, os xogos, e aínda houbo por primeira vez algúns postos de artesanía.

Ao final todos contentos pois, nesta segunda edición dos Foros, houbo unha parte institucional fermosa, e outra moi festiva onde, por primeira vez, os mozos e mozas deste lugar participaron activamente integrándose, animando e dándolle cor e ledicia á praza do Cabildo. E todo nun ambiente de boa vecindade.

O trinta de xuño foi en Seixalbo un día distinto, cheo de ledicia e participación, onde todos nos sentimos realmente atados ao pasado e con moitos ánimos de mirar cara ao futuro.

De agora en diante chegará o momento do debate para diseñar como queremos levar as seguintes edicións desta festa histórica. Se a queremos abrir cara ao exterior, ou se pola contra preferimos celebrala máis para nós. Diso falaremos de seguro que moito.

Por último dicir que, no tocante á economía, a festa realizouse con moitos menos cartos dos que costa unha festa tradicional. Polo que dende esta fiestra só me resta felicitar a todos os membros de Agromadas, á concellalía de Cultura do noso Concello, aos membros da asociación San Breixo e a todos os veciños de Seixalbo que nos axudaron a realizar este evento que naceu con ánimo de continuidade no tempo.
Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadass@gmail.com
alzia.net