Moitas das nosas músicas tradicionais fan referencia a un lugar de procedencia. Outras cantan as loubanzas das xentes, ou dun lugar en concreto. No caso desta cantiga fala daquel galego que se ausenta do seu lugar patrio e vive sempre cheo da saudade, desexando voltar. Tamén nos di que non sabe vivir, nin chorar nin cantar pensando no seu idílico lugar de procedencia.
" Eu de Marín ausenteime, lonxe me fun a vivir. Pasei a vida chorando e suspirando Marín por ti. Eu non sei vivir, eu non sei cantar..."
Estas creacións populares expresan un fondo sentir da alma galega apegada á terra e ás súas xentes. Son nostálxicas e relatan os sentimentos máis nobres das nosas xentes. Falan de amores, de xentes e lugares amados aos que sempre un quere retornar.
Arranxeina para guitarra tratando de reflectir, no motivo dos primeiros compases, a constante que supón o desexo de voltar ao lugar de nacemento, neste caso a Marín terra mariñeira.