PROCESIONAL: Marcha do antigo reino de Galicia
Como tantos galegos, debo afirmar que non coñecín esta marcha ate que no ano 1982 o BNG a utilizou como sintonía naquela campaña electoral das primeiras municipais da democracia. O slogan dicía: Gobernemos nós a nosa terra. Alguén, non lembro quen, me dixo: esa é a marcha do antigo reino de Galiza. E como tantas músicas, tivo un lugar no meu subconsciente. Quedou rexistrada. Andando no tempo tiven a oportunidade de escoitar diversas versións. Posiblemente a que máis me gustou, sobre todo pola súa pomposidade e solemnidade, foi a dunha banda. Non lembro cal.
E esta melodía tan fermosa incluína no meu repertorio popular e publiqueina nunha unidade didáctica que tentaba achegar a guitarra clásica aos rapaces. Fixen por tanto, un arranxo moi sinxelo, e escollín a tonalidade de A maior, pois os baixos máis importantes caían sempre ao ar.