PEQUENA FANTASÍA  SOBRE UN ALALÁ
O alalá é un canto  a viva voz que  non ten acompañamento. É, por dicilo doutra maneira,  un “argotío” (aturuxo) de liberdade que sae do ser, da alma e está cheo de sentimento. Xeralmente é un canto tristeiro, polo que con frecuencia se atopa nun ton menor, como é o caso deste que vos presento. O Alalá non está sometido a unha métrica determinada. Poderiamos dicir que o cantor o interpreta sempre dunha maneira libre: 
Ad libitum.
Pois ben, a cantiga que musiquei para guitarra baixo o título de 
pequena fantasía é un alalá que ten o seu  propio texto que, polo que parece, pertence ás terras do Támega, ou sexa, Verín. 	
Monterrei está nun alto,
e Verín está nun baixo. 
Nosa Señora da estrela,
ai la le lo laaa...
Está nun campiño raso.
Como outras partituras anteriores prepareina coa intención de aportar material tradicional para a música de guitarra. Aínda que, para iso, sometina a unha métrica e engadinlle algunhas achegas que, baixo o meu criterio, enriquecen a música inicial que, por ser tradicional pertence ao acervo cultural galego.