Novas Agosto 2011
XXIV Semana Cultural: do 2 ao 10 de setembro
Data: 28/08/2011
29-ago-2011

O día 2 de setembro arrinca a semana cultural que organiza a Asociación de Veciños San Breixo.

Como novidade, esta edición inclúe dentro da programación a 2ª edición do festival da UNIDIVERSIDADE; celebrouse, con gran éxito a 1ª edición hai dous anos, como acto independente. Nesta ocasión, as actividades nas que participan todas as asociacións de Seixalbo (San Breixo, Irmandiños, Agromadas, Mulleres Rurais e Montes en Man común) e a Asociación Intergalicia, ademais a Asociación de Senegaleses AISO, AFROLATINA, Amigos de Venezuela e Asociación Rigoberto Quezada de Cambados, van ser o día 2; comezarase cun roteiro animado e teatralizado para dar a coñecer a historia de Seixalbo; nenos asiáticos, americanos, africanos e galegos percorrerán os lugares con máis historia do núcleo declarado de valor etnográfico: coñecerán adegas, tarreos de pementos cos seus cambóns, revivirán a loita foral, o entroido, e as lendas transmitidas dende tempos remotos; haberá logo un xantar no Carqueixal , xogos tradicionais conducidos por Lois Pardo, fútbol,  música e bailes, gastronomía… e como non, actuarán os Perqtores.

O sábado día 3 presentarase en Penouzos oficialmente a Semana Cultural, con actuacións musicais e degustación de postres.

O domingo 4 na Praza do Cabildo presentarase a Plataforma de Ríos Limpos; haberá tamén unha alegoría do Barbaña e exporase a montaxe “En loita polo Barbaña”.

Para os máis pequenos tamén hai actividades: o luns os nenos de Seixalbo dirixiranse desde os Barreiros ata a Praza Maior de Ourense, onde collerán o tren para ir a Outariz. Pola noite, no Cabildo haberá cine ao aire libre.

O martes día 6 ás 21 horas no Local Central da Rúa Abelardo Arce Xosé Santos Otero pronuncará unha charla: “Cartografía e orientación no bosque”.

O mércores ás 20.30 a cita será con Toña Pazo, experimentada cociñeira e veciña que revelará os seus segredos para dar toques de orixinalidade ás entradas e petiscos.

O xoves 8 ás 22 horas a asociación San Breixo convídanos a unha camiñada nocturna por Seixalbo.

Unha das actividades máis esperadas dentro da Semana Cultural cada ano é a representación teatral que preparan con esmero os veciños. Esta vez porán en escena unha obra baseada na novela de Víctor Hugo “O chepudo de Nôtre Dame”.  Será en Penouzos, no novo Auditorio ao aire libre.

 

Coma sempre, rematarán as actividades coa Cea do Socio no Parque da Infesta, cun menú composto por empanadas, polbo á feira, churrasco, pan, viño, café, chupitos e sobremesas. Os que queiran asistir poden retirar as entradas ao convite antes do día 8, cun prezo único de 23 euros por persoa.

Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadass@gmail.com
alzia.net