Novas Setembro 2011
Información sobre a revisión e certificación de casas
Data: 29/09/2011
30-sep-2011

A lei estipula que todas aquelas casas que acaden os cen anos de antigüidade deben obter unha certificación que asegure e garanta a súa habitabilidade.

Son numerosas as casas e dependencias do núcleo de Seixalbo que sobrepasan esta idade: pensemos que a meirande parte de reformas a fondo, con reconstrucións, permisos, planos, etc sitúase na segunda metade do XIX; foi entón cando os gobernos municipais se decatan que esta poboación que vén de ser incorporada ao Concello de Ourense precisa dunha remodelación a fondo: chímpanse decenas de pasadizos de madeira que atravesaban as rúas, escaleiras que estorbaban o paso, derrúbanse casa para erguer outras de nova construción… Dende entón, pouco se leva feito nalgunhas.

Esta semana, unha empresa privada que se dedica precisamente á valoración do estado de habitabilidade das casas vellas, presentou o panorama legal, os posibles riscos e os servizos que ofrece. A Asociación San Breixo ofreceuse para prestar o seu local e publicitar o acto.

Remata a Semana cultural con gran participación
Data: 10/09/2011
11-sep-2011

Momento final da presentación da Semana Cultural en Penouzos: un grupo de veciños canta o Himno a Seixalbo.

Rematou unha semana longa de intensa actividade cultural en Seixalbo. Cada ano o reto de superar o anterior; os veciños implicáronse de cheo, cada un no eido que mellor saben facer e máis lles gusta: cantar, actuar, ocuparse da música, do son, dos petiscos… Sen dúbida a Asociación de Veciños San Breixo, organizadora e coordinadora de todas as actividades fixo un gran labor.
Houbo actividades de todo tipo, desde a restauración, a orientaqción no monte e a ecoloxía, pasando pola música e o teatro. Quizais esta actividade é a que cada ano congrega a máis veciños e amigos; este ano no novo auditorio ao aire libre de Penouzos que viña de ser estreado non hai moitos meses: a climatoloxía axudou e as gradas estaban cheas de espectadores que gozaron da posta en escea levada a cabo polos veciños da obra “O chepudo de Notre Dame”. Todo un éxito difícil de superar, pensamos cada ano, sempre superado no seguinte. O máis emocionante é ver reunidos en escena a xentes de todas as idades facéndonos vibrar co seu traballo. Parabéns para todos.

Os espectadores nas gradas de Penouzos á espera do inicio da obra de teatro. Cheo total!

O Chepudo de Notre Dame

Unidiversidade: Seixalbo multirracial
Data: 02/09/2011
3-sep-2011

Escoitando unha canción tradicional na Rúa Estreita

O venres día 2 de setembro as rúas de Seixalbo enchéronse de cativos de varias nacionalidades: Senegal, Venezuela, Perú… Era a segunda vez que todas as Asociaciacións do lugar, coordenadas por Maxi Cid, puxeron todo o que estaba da súa parte para acoller a todos estes peculiares visitantes.

Durante todo o día se organizaron actividades para que os rapaces gozasen do lugar ao tempo que apredían: primeiro houbo unha visita guiada polos recunchos máis emblemáticos da historia de Seixalbo, coa peculiaridade de que moitos dos protagonistas volveron do pasado para que puidese o público facerse unha idea máis plástica da situación; así puideron coñecer ao Coronel Abelardo Arce, lavaron no río coas mulleres como se facía hai corenta anos, presenciaron os escarceos dos mozos de Seixalbo coa Garda Civil durante o enterro da sardiña, chantaron o cruceiro na Praza, erguéronse contra as autoridades eclesiásticas na Praza do Cabildo, regaron os pementos a cambón, visitaron unha adega, colleron uvas, e tiveron contacto con algúns animais.

Houbo xantar, xogos, música… Todos os veciños se volcaron coa especial visita compartindo un día calquera da historia de Seixalbo. Parabéns e grazas a todos pola participación.

Xunto a prensa do viño

Nos tarreos da Noria, regando os pementos

Nena senegalesa collenso uvas.

Nas canellas revivindo a historia.

Por vontade de todos en en contra de tres, o cruceiro na Praza e o rollo onde o ves.

A Benemérita por fin consegue deter a un mozo no enterro da sardiña

Camiño do muíño

Polas rúas de Seixalbo

Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadass@gmail.com
alzia.net