Novas Xaneiro 2012
Publícase un novo número do boletín A Restreba
Data: 24/01/2012
Os Irmandiños veñen de publicar un novo número do boletín informativo “A Restreba”. Esta vez son vinte e oito páxinas cheas de colaboracións que tocan os temas máis variados.
Pódese recoller na Solaina: paga a pena.
Rematadas as obras do Centro Cívico
Data: 17/01/2012
18-ene-2012

Novo aspecto da rúa A. Arce co Centro Cívico ao fondo

A contrareloxo tivo que traballar a empresa adxudicataria de rematar as obras para poder entregala no prazo estipulado: a tarde de fin de ano os veciños vían como a antiga casona dos Arce era un ir e vir de técnicos e obreiros de todo tipo que daban os últimos retoques de pintura, colocaban lámparas, limpaban…
Unha vez que a empresa á que foran adxudicadas as obras declarouse en suspensión de pagos foron moitos e rápidos os trámites que o Concello de Ourense debeu cubrir para que unha nova empresa rematara as obras dentro do prazo estipulado para non perder a subvención.
Os veciños en xeral mostráronse moi satisfeitos polo novo aspecto que presenta agora a vella casona na que se coidaron todos os detalles: a vella balaustrada, os alicatados exteriores e interiores, a carpintería…
Agora falta a inauguración: unha exposición fotográfica permanente colgará no seu interior.

Comezaron as obras de construción da rotonda de Bemposta
Data: 17/01/2012
18-ene-2012


A estrada de circunvalación que une Rairo con Seixalbo está a piques de ser rematada. Agora acaban de dar comenzo as obras da rotonda que facilitará a incorporación do tráfico procedente do Cumial.
A construción desta vía de comunicación foi polémica dende antes incluso de comezaren as obras e contou coa oposición dos veciños que se manifestaron en numerosas ocasión sobre todo polo xeito de levaren a cabo os trámites.
Ninguén parece cuestionar a necesidade dunha vía de circunvalación que ademais alivie a densidade de tráfico da estrada de Seixalbo, porén, os veciños ven como se ergueu un novo obstáculo que comunica a zona de Montoscos e Bemposta co resto do lugar un enorme talude con só un pequeno paso soterrado foi medrando a medida que avanzaba a obra.
Esta franxa de terra parece condenada ás expropiacións forzosas: primeiro foi a estrada Villacastín Vigo; máis tarde o trazado ferrocarril cortou a estrada e obrigou a un desvío do tráfico por unha nova estrada; para cruzar a vía construiuse unha ponte á altura do outeiro da Santa Águeda e o ancho da estrada nacional foi comendo terreo polas beiras. Agora é a circunvalación a que pasa uns metros máis arriba.

Vista da vía de circunvalación e do paso soterrado para acceder a Montoscos: o coche circula pola Estrada de Seixalbo.

Charla sobre delitos contra o patrimonio
Data: 17/01/2012
A Asociación de veciños San Breixo ten organizado para o día 23 de xaneiro unha charla informativa sobre delitos contra o patrimonio que correrá a cargo da Policía Nacional.
Será no Local Central ás 19 horas.
Novo vertido contaminante no Barbaña
Data: 17/01/2012
18-ene-2012

Onte día 17 de xaneiro ás 11.30 da mañá produciuse un novo vertido contaminante ó río Barbaña. Esta vez era visible unha capa de escuma que afloraba da auga.
A Confederación Hidrográfica tomou mostras das augas para a súa posterior análise.
Parece ser que de novo o vertido procedía directamente da Depuradora de San Cibrán de Viñas, Concello que xa ten acumuladas varias sancións por contaminar.
Mentres se suceden os vertidos, a Plataforma segue pendente dunha reunión con P.Liñares, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

Escuma no Barbaña. (La Región: http://www.laregion.es/galeria/990/22893)

Os Magos de Oriente tamén pasaron por Seixalbo
Data: 05/01/2012

Eran as cinco da tarde e na Praza do Cabildo estaban convocadas as novas xeracións de seixalbeses. Con moita ilusión esperaban que os Magos de Oriente fixeran unha paradiña que foi aproveitada para transmitirlle persoalmente e sen intermediarios que deran pé a malos entendidos cal eran as súas preferencias en cuestións de regalos. Claro que houbo quen non tivo máis remedio que recoñecer que se portara algo mal.

Logo, houbo chocolate quentiño no Local Central da Asociación San Breixo para todos.

Teatro en Penouzos
Data: 05/01/2012

Como cada ano os veciños reúnense por estas datas para pasar uns momentos de ledicia e ilusión: preparan unha pequena actuación con telón de fondo navideño, coordinados por Amelia González.

É o momento do sorriso, no que os grandes se volven cativos, as mulleres, homes, os republicanos, reis… Todo para conseguir unir a todos coa mirada posta nun escenario. A climatoloxía manda e a obra faise dentro, con moi poucos medios, só cos xustos para a ilusión.

Esta vez o texto, escrito como vén sendo habitual por Amelia González, toca o tema da crise, pero dun xeito nada dramático e si optimista. Participan: Antonio Fdez. Senra, Ana Belén Novoa, Flori e Pepe García, Rosa Casares, Segio Amils, Raquel Zon e Luís Borrajo, Hixinio e Marisa Nóvoa, Marisol Delgado, Cheché, Héctor, Guille, Águeda e Irene.

Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadass@gmail.com
alzia.net