Novas Febreiro 2012
Música Tradicional en Seixalbo
Data: 24/02/2012
Moisés Quintas e Corona Paz ás 20 horas enchen de música tradicional o local social de Agromadas.
Moisés Paz, un referente da música galega, presentará de xeito práctico o seu recente traballo de investigación sobre os instrumentos tradicionais galegos. Logo Corona Paz fará unha pequena posta en común dos cantares que aprendeu dos seus maiores.
Coma sempre, ao rematar, cambiaremos impresións cun bo viño de Seixalbo
O Martes de Entroido non acabou de convencer
Data: 20/02/2012

Pode que fora a crise, pode que o partido de fútbol, pero este martes de Entroido en Seixalbo non foi dos mellores, e iso que o tempo axudou fronte a outros anos.

Sexa pola razón que fose, a festa non tivo o tirón esperado, aínda que as comparsas defenderon ben o seu papel.

Outro ano será.

A comparsa das Ovellas Negras

A Comparsa da Aguillada-

A Comparsa dos Pementeiros, un clásico.

Os máis vellos non faltaron á cita co Entroido: un felo.

Domingo de Entroido: xantar e famosos no Cabildo
Data: 18/02/2012

A xente acolleu moi ben as iniciativas levadas a cabo no domingo de Entroido, un día que nalgunhas festas anteriores de Entroido non acababa de convocar público.

Nada máis rematar o xantar que na Praza do Cabildo organizaron os Irmandiños comezou o espectáculo: “A túa cara coñézoa”. Durante horas os sufridos aspirantes fixeron o imposible para que o xurado apreciase os seus méritos como cantantes. Moita prticipación e sobre todo selecta: Raphael, Abba, Betty Misiego, Los Pecos, Azúcar Moreno…  sacaron o mellor de si e aguantaron con aplomo as críticas despiadadas dun dos membros do xurado. Ó día seguinte non se falaba doutra cousa.

Bravo!

A xente animouse durante o xantar na domingo de Entroido no Cabildo. (Foto Rosendo)


 

O público non quería perderse nin un detalle das actuacións.

Días Grandes nas festas de Entroido
Data: 16/02/2012

Os Entroidos presidindo a Praza Maior. Foto do cartel das Festas de Entroido da A. de Veciños San Breixo.

O Entroido continúa a súa marcha. As actividades están coordinadas polas Asociación de Veciños San Breixo. Son as seguintes:

Domingo 19 de Febreiro

Xantar Popular na Praza
Espectáculo “A túa cara coñézoa”

Martes 21 de Febreiro

As 16:00 saída das comparsas dende os Barreiros e percorrido polas rúas
Actuación das comparsas e charangas na Praza Maior
Queima e entrega dos mecos para o ano vindeiro.

Mércores 23 de Febreiro

As 21:30 saída do Enterro da Sardiña dende a Finca da Infesta

A exposición sobre o Entroido na casa de sede de Agromadas estará aberta ata o mércores de cinza.

Os Irmandiños de Seixalbo teñen todo preparado para o seu xantar. Os interesados poden retirar as invitacións na Solaina, na Praza Maior.

Carpa na Praza do Cabildo preparada para o xantar que organizan os Irmandiños.

A procesión dos Mecos, o correolas e a exposición sobre o Entroido marcan o inicio desta festa en Seixalbo
Data: 11/02/2012
12-feb-2012

Domingo pola tarde no Local de Agromadas.

12 de febreiro: Paquita e Nicanor en procesión polas rúas de Seixalbo. (foto David Rguez Nóvoa)

Despois da misa de 12 foron moito os veciños que aproveitaron para visitar a exposición sobre o Entroido no Local de Agromadas.
Xa despois de comer tivo lugar a tradicional procesión dos mecos ou Entroidos: Paquita e Nicanor. Antigamente o ciclo de Emtroido comezaba antes, pero xa hai anos que non se celebra o domingo fareleiro e o correolas faise coincidir co domingo anterior a Entroido. A parella que vai presidir as súas festas dende un balcón da Praza Maior é custodiada e engalanada cada ano por unha parella; dise que antigamente era unha parella sen fillos a anfitriona, para que os Entroidos lles trouxese a fertilidade. Pero tamén isto se perdeu. Aínda así, os veciños seguen celebrando a famosa procesión, que non segue o mesmo percorrido cás procesións sacras, pois esta festa ten as súas propias normas.
Ía moito frío e a xente non tardou en retirarse; moitos dos que non viran aínda a exposición aproveitaron para visitala: o que máis gustou? un pouco de todo, algúns reviviron os anos anteriores de entroido cos traxes da comparsa da Aguillada, outros admiraron os traxes tradicionais de Verín, Viana e Xinzo, e os máis nostálxicos buscaron os seus pais e seus avós entre as fotos antigas, pero todos coincidiron en gabar a iniciativa.

Exposición sobre o Entroido no local de Agromadas do 12 ao 23 de febreiro
Data: 10/02/2012
11-feb-2012

Coincidindo coa celebración da festa do Entroido, a Asociación Cultural Agromadas organiza no seu local social unha exposción ela.
Nun primeiro apartado as principais iconas do Entroido provincial, o Boteiro de Viana, o Cigarrón de Verín e a Pantalla de Xinzo, comparten espazo coa parella de mecos de Seixalbo, Nicanor e Paquita. Un percorrido polas comparsas do pasado e presente de Seixalbo, Pementeiros, Ovellas Negras, dan paso á sala principal dedicada aos traxes, coplas e fotos dunha das comparsas, a da Aguillada que se caracteriza porque son as propias comparseiras as que elaboran os seus propios traxes.
Ademais da colaboración dos veciños de Seixalbo, nesta ocasión Agromadas contou coa inestimable axuda do Centro Cultural Xaquín Lorenzo.
A exposición ábrese ao público o domingo 13 de febreiro ás 13 horas.

Sofocado un pequeno incendio nos colectores do lavadeiro
Data: 03/02/2012
A pronta intervención da policía e máis dos bombeiros lograron apagar eficazmente un incendio que se orixinou nos colectores de lixo que se sitúan nas proximidades do lavadeiro e do Parque Infantil na Praza de Freire Carril. Foron os veciños os que deron a voz de alarma. Foi pola mañá, ben cedo.

Descoñécese se o lume se orixinou de xeito fortuíto ou intencionado.

Detido o presunto ladrón de casas en Seixalbo
Data: 01/02/2012

Foto "Faro de Vigo"

Detido un mozo de Seixalbo por ameazar de morte por escrito a un matrimonio veciño esixindo 2.000 euros.
A detención produciuse na noite do venres ao sábado; parece que o matrimonio denunciou á policía o feito; para poder coller ao delincuente aparentaron estar dispostos a pagar podendo a policía atrapar o ladrón cando se dispoñía a recoller a cantidade esixida.
Casualmente, ou non, na casa deste matrimonio veciño xa se produciran dous roubos, e non foi a única: varias casas da mesma zona foran obxecto de roubos; en todas elas producíanse os roubos nos momentos nos que os habitantes estaban ausentes, se ben algunha delas eran segundas residencias, co que o perigo de que se presentasen os donos era case nulo. Así, na pasada Noiteboa, unha das veciñas do Camiño da Pedreira cando regresaba á súa casa despois de cear co seu fillo sentiu ruído e os cristais rotos dunha ventá, polo que se supuxo que o ladrón fora sorprendido polo repentino regreso da veciña. Os continuos roubos traían de cabeza aos veciños, levándoos incluso a organizarse para ter vixiadas as casas cando algún se tiña que ausentar máis tempo do normal. En boca de todos, como sospeitoso do autor dos roubos estaba este veciño: “tiña que ser alguén de por aquí que controlase as idas e vidas…” _declaran_ “…agora esperamos que acabara esta leria e poidamos durmir tranquilos”.
Para saber máis: http://www.farodevigo.es/portada-ourense/2012/01/31/joven-exige-2000-euros-matrimonio-carta-haciendose-pasar-banda/619518.html?utm_source=rss

Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadass@gmail.com
alzia.net