Festa dos Foros.



"Cincocentos moios eran
de bo viño do lugar
para manter ao Sr. Bispo
e a Curia Episcopal. 
Son privilexios antergos
de tempos inmemoriais
datan de Alfonso III
e veñen de moi alá."


Seixalbo é o núcleo rural máis importante do Concello de Ourense. Este núcleo catalogado como Etnógrafico a Protexer, ten unha personalide propia  que vén definida polo proceso histórico que tivo antes de formar parte do concello das Burgas.
Como parroquia e como barrio do rural conserva tradicións e historias que viven na memoria colectiva e que foron parte do pasado que cómpre recuperar e conservar.
Todos estes aspectos foron tomados en consideración pola Xunta Directiva de AGROMADAS sabedora de que, as festas culturais cumpren perfectamente a dobre función lúdica e cultural que, ó noso xuízo, debe ter toda celebración deste tipo.
E polos motivos reseñados decidimos afrontar este proxecto, que naceu cun obxectivo claro: Reforzar a persoalidade deste barrio  dentro do Concello, avivar a memoria histórica e lembrar  uns feitos importantes que remataron con vellos privilexios forais, plantexar un modelo de festa diferente, pouco costoso e participativo, no que  pretendemos que os veciños sexan os protagonistas activos deste evento cultural, que nace con ánimo de continuídade no tempo.

Datos históricos: Seixalbo Vila e Couto do Bispado ate 1859.

Dende o ano 886 no que  Alfonso III o Magno doa o chamado Couto Vello de Ourense ao Bispo, no que está inclúido Seixalbo, para que este exerza os dereitos forais, ate mediados do século dezanove. Polo que os veciños deste lugar pagan as chamadas Rendas ou Foros, as autoridades relixiosas, ate a resolución deste xuízo en 1859. Nestas rendas está tamén a chamada lúctuosa, pago por tansmisións do foro, etc.
"Cincocentos moios eran/ de bo viño do lugar/ para manter ao Sr. Bispo/ e a Curia Episcopal. Son privilexios antergos/ de tempos inmemoriais/ datan de alfonso III / e veñen de moi alá."

Vinte anos de pleito.

Debido á forza das institucións municipais, a duplicidade de impostos froito da anexión ó Concello de Ourense e as leis desamortizadoras, no ano de 1839 un grupo de 133 veciños, un por familia que ten terras aforadas, deciden presentar un pleito na Audiencia Provincial de Ourense, a cual, pasado un tempo, declárase  incompetente para resolvelo. O pleito pasa á Coruña e despois de moitas idas e voltas remata en Madrid no mes de Xullo de 1859 eximindo do pago das rendas ós veciños de Seixalbo, e perdendo a categoría de Vila e Couto do Bispo.
O principal impulsor deste pleito foi Fernando Freire Carril, nado en Congostro de Limia, ao que quixemos lembrar colocando unha placa conmemorativa na casa onde viviu, na primeira Festa celebrada en Xullo de 2006.






Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadass@gmail.com
alzia.net